Perante as preguntas acerca do seu futuro político, o ex-líder dos socialistas galegos, o presidente en funcións da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, dixo onte en declaracións públicas trasmitidas por Radio Galega, que polo de agora permanecería como parlamentario en O Hórreo porque para iso o votaron, e dixo que había cumprir co seu deber como parlamentario: “Sentarse e estar no Parlamento”. Toda unha declaración da función política dun suposto representante da soberanía popular. Non dixo “trasmitir a vontade dos cidadáns”, nin tan sequera “promover as demandas políticas dos que me votaron” ou “defender os seus dereitos e intereses”. Non, para el un parlamentario é unha figura decorativa, un peón na usurpación política dos partidos. Fará o que lle diten desde a nova cúpula do seu partido, e cando canse diso, marchará para a casa. Isto é a Democracia que temos! Grazas por nolo lembrar, Sr. Touriño!

FPG

Nun comunicado feito público o pasado día 6 polo Comité Executivo da FPG puidemos ler o seguinte:

No nacionalismo ábrese un período de reflexión como movemento sociopolítico amplo e plural que abrangue moito máis que o BNG. Debemos pasar decidida e respectuosamente á ofensiva respaldando todos os movementos orientados a reformular o proxecto frontista e unitario do nacionalismo -da esquerda social en particular-, recuperando as canles de comunicación cos movementos sociais, dotando ao pobo da democracia participativa e directa, como vía necesaria para afrontar os problemas reais: a crise económica, a ofensiva centralista contra a cultura galega e o ascenso do neo-franquismo.

Alédanos ver que máis e máis forzas políticas van reclamando polo seu nome a única solución viable para Galiza (e para o mundo): a Democracia Directa. Parabéns á FPG e esperemos que poidamos confluír na defensa da única soberanía real do pobo galego.

Onte nunha entrevista que lle fixeron a Xosé Manuel Beiras no programa da Radio Galega Crónica (a partir do minuto 30 nesa ligazón) con motivo da súa esixencia á actual directiva do BNG para que dimitan tras os malos resultados desta formación nas eleccións do 1 de marzo, o ex-líder da formación frontista, insistiu unha vez máis en que os males da formación teñen moito que ver co seu abandono do carácter asemblearista. Beiras mesmo chega a reclamar democracia directa dentro do BNG para que os militantes decidan as cuestións estratéxicas, e non veñan precociñadas nunhas asembleas que actualmente non son directas senón por medio de representantes.

Alédanos ver que desde os partidos xorden voces que avogan por la Democracia Directa a nivel interno, pero deberían ir máis alá nestas demandas e por coherencia democrática aplicalo ao conxunto do funcionamento do sistema, poñendo as decisións (estratéxicas sobre todo, pero por que non as demais tamén?) do lexislativo e do goberno en mans de todos os cidadáns.

o tripartito mantén o poder usurpado en Galiza
A facción máis á dereita do tripartito que ven gobernando Galiza desde a instauración desta pseudo-Democracia, faise coas rendas do poder no país. Namentres, os cidadáns volveremos a ter mans e boca pechada durante 4 anos máis, nos que non pintaremos nada neste sistema onde supostamente somos soberáns. A anti-democrática Lei Electoral, deixa fóra a outros partidos, cuxos votos son directamente enviado ao cubo do lixo, como os 15.000 votos nulos (case tantos como leva Esquerda Unida, p.ex.) ou os case 28.000 en branco. Máis de 110.000 votantes galegos en total non serán representados no novo parlamento. E os que o van ser, por teren votado a algunha das 3 faccións do tripartito, verán como o PP fai o que lles pete durante 4 anos. De novo a Democracia demostra ser unha falacia. Triste pero previsible remate dun Entroido esperpéntico.

Bloque Socialista PopularPero os de Circo Galego 2009 non son os únicos que amosan unha crítica baseada nos métodos máis divertidos da guerrilla da comunicación: na manifestación do pasado domingo en Compostela, baixo o lema Goberne quen goberne, Galiza non se vende, apareceu unha nova opción electoral nas rúas galegas: o Bloque Socialista Popular, con reinvindicacións que fan unha crítica das accións do goberno actual e das propostas do único partido da oposición (que tanto ten).

Velaquí tedes un vídeo coa súa presentación-actuación, e o seu programa electoral 2009 (copiado literalmente dos folletos que tras a manifestación se atopaban polas rúas da zona vella de Compostela):

  • Declaración de Galicia como Espazo Salvaxe Naural Protexido.
  • Triple plan de viavilidade para as rías galegas: unha piscofactoría, unha planta de gas e un porto deportivo.
  • Contratación de Fernando Alonso e Lewis Hamilton como choferes dos novos coches oficiais da Xunta de Galicia.
  • Superaxente Freijoo 009 ao fronte da Brigada Anti Incendios Forestais.
  • Fomento do emprego de calidade: 10.000 novos altos cargos na Xunta de Galicia.
  • Reconversión do rural galego: creacción do Parque Temático “Galicia Aventura no Século XIX”.
  • Candidatura da Cidade da Cultura como Patrimonio da Humanidade.
  • Barra libre en todas as Feiras do Libro internacionais.
  • Creación de Disneylandia Galicia en Estaca de Bares.
  • Circuito Cultural A Cultura Vai como Vai: actuación das orquestras Panorama, Philladelphia e Paris de Noia en todas as parroquias.
  • Irmanamento de diversos Concellos das Rías Baixas con Marbella, Torremolinos e Benidorm.
  • Aproveitamento urbanístico da praia das Catedrais.
  • Construcción do Mirador de Corrubedo.
  • 50.000 vivendas de protección oficial nas Illas Cíes e Ons.
  • Apostolos Mangouras preso político.
  • Máis de 100.000 novos quilómetros de autoestradas para Galicia: do Caurel a Compostela en 15 minutos (e sen pisarlle).
  • Creación do Tren de Alta Velocidade Galego polo Camiño de Santiago.
  • Recalificación da Rede Natura para actividades deportivas en armonía co entorno, como campos de golf e pistas de paintball.
  • Un río, mil encoros. Monte galego, máis bonito con muíños de vento.
  • Recuperación do proxecto de centrais nucleares na Mariña Lucense.
  • Traslado anual da planta de ENCE por todas as rías galegas.
  • Compromiso de reubicación da planta de gas de Reganosa a un sitio máis seguro unha vez estoupe a planta actual.
  • Creacción da raza de koala galego no monte galego.
  • Ningunha leira do Caurel e da Terra Cha sen a súa canteira.
  • Ilegalización de Galiza Non Se Vende.

Gran Circo Electoral Galego Ven de saír á luz unha nova e artística acción a prol do voto nulo en Galiza. Aínda que compartimos a opinión de que hai que botalos, e que son equiparables en falta de auténtica vontade democrática ambos os 3 partidos representados hoxe en día no noso Parlamento, estamos convencidos de que o voto realmente daniño para eles sería o voto a unha opción pola Democracia Directa, unha opción anti-partidos que levase ao parlamento representantes totalmente controlados polos cidadáns galegos, sen programa predefinido, aberto a todas as propostas sociais. E iso só será posible cando unha opción como Democracia Directa Dixital poida abrise camiño e infiltrarse coma un cabalo de troia no sistema representativo para introducir nel a única democracia que pon de verdade a soberanía en mans do pobo: a Democracia Directa! Por que non nos axudas a construíla?

Xan Duro e a democraciaXan Duro, coñecido activista ecoloxista e social, membro de Verdegaia e da rede Galiza Non Se Vende, reflexionaba nunha longa entrevista para Altermundo de diversas cuestións ambientais e sociais. Co seu permiso expreso entresacamos dela algúns apuntamentos que teñen que ver directa ou indirectamente coa Democracia e capacidade/necesidade de decidirmos por nós mesmos:

A mudanza climática ten na súa contra que non se están a percibir de xeito grave as súas consecuencias entre a cidadanía dos países con máis responsabilidade na súa existencia, polo que a reacción é moi cativa. Cando teña efectos constatábeis para a cidadanía será tarde. Cómpre adoptar medidas impopulares, na liña do decrecemento do consumo enerxético. Esta situación, xunto cunha clase política cuxo horizonte de decisión sempre son as seguintes eleccións, leva a unha situación de boas palabras e nulos feitos.

Quizais o paso que queda por dar, e que lles permita que a estes proxectos xerar unha sinerxia mobilizadora e transformadora na sociedade, e a súa integración nunha formulación teórica e práctica que forneza unha alternativa integral á realidade na que estamos inmersas. Esta formulación ten catro piares básicos: o local como base xeográfica da actuación do ser humano sobre o medio en contraposición á globalización actual; a democracia no seu senso máis radical, participativa na súa concepción, continua no seu desenvolvemento e soberana nas súas decisións; a xustiza na xestións das relacións de toda índole que acontecen dentro dun grupo humano e a sutentabilidade ecolóxica entendida como a salvagarda da capacidade do planeta de manter a vida.

É o conxunto da cidadanía que debe esixir máis participación nas decisións, esixir DEMOCRACIA con maiúsculas, non unha cerimonia litúrxica tetranual que non compromete a nada. A participación dos movementos sociais debe vir da man da democracia participativa, horizontal, onde poidamos expoñer opinións diante da cidadanía e que sexa esta coas quen condicione as actuacións políticas. Eis o noso campo de incidencia política.

Xosé Manuel Beiras, partidario da Democracia Participativa e o AsemblearismoQueremos traer á memoria unhas declaracións do antigo líder do BNG para El País do pasado mes de novembro, onde caracteriza a falta de democracia tanto ao nivel global das democracias parlamentares como a nivel interno dentro da súa formación política:

P. O parlamentarismo occidental tende a anular as forzas políticas transformadoras…

R. É unha das grandes frustracións que sofre quen se compromete no traballo político institucional e decátase de que, cada vez, se constrinxe máis a actuación. Porque o deseño de aparato de Estado co das actuais democracias é historicamente obsoleto. A fórmula da separación de poderes está dada a volta, patas arriba, que diría o Galeano.

P. Obsoleto, de que xeito?

R. A política realízase a través dos partidos políticos, as organizacións que fan de pontes entre a sociedade civil e a sociedade política, di Gramsci. Entre a estrutura de clases da sociedade e o aparato de Estado. Esas pontes romperon. Os partidos mudaron en pezas do propio aparato de Estado. A única saída a nivel institucional é un redeseño do Estado. Se o aparato estatal afoga ese proceso, viviremos situacións de totalitarismo enmascarado, con novas formas.

P. Por que non asistiu á última Asemblea Nacional?

R. Porque non pintaba nada alí. Porque non era unha asemblea, era un congreso por delegados. Pola actitude intransixente por parte do aparato e pola desnaturalización do BNG que representa a supresión das asembleas. Levo 25 anos defendendo formas asemblearias e de democracia participativa. Non había nada que discutir, só elixir a un candidato que xa estaba elixido.

Coidamos que a coherencia cos seus postulados asemblearistas e unha posta ao día dos mesmos sobre o que significan as posibilidades da tecnoloxía debería levar a Beiras aínda máis alá da democracia participativa, cara a democracia directa.

Moi revelador, nons�?

Moi revelador, nonsí?

Velaí tedes a bandeira oficial de Galicia transformada impudicamente polo Partido Popular tal e como se ve no seu web principal (un .COMercial, algo tamén moi revelador). Que nos di esta provocación aos cidadáns galegos? Que non soamente non foron consultados para elexir o símbolo oficial do país (que seguramente moitos houberan rexeitado en favor do escudo proposto por Castelao, ou dalgunha das bandeiras históricas) senón que se permiten modificalas, aínda que sexa extraoficialmente e co gallo de fornecer unha orixinal interfaz para trocar de idioma. Este é o seu concepto de Democracia.

Touriño o revolucionario!Quen así fala non é ningún revolucionario chamando á mocidade galega a asaltar o Pazo de Raxoi, senón o mesmísimo presidente Emilio Pérez Touriño, nun discurso que deu hoxe diante de mozas e mozos galegos. Segundo el, temos que facer igual que hai 4 anos, nas anteriores eleccións galegas, ou hai 1 ano, nas españolas. Para el, para o PSOE, tomar o futuro dun país nas nosas mans é dárllelo a eles para que fagan o que lles pete.

Non, señor presidente, tomarmos o futuro nas mans dos cidadáns sería podermos decidir nas cuestións que realmente importan, onde se xoga o noso futuro económico, social, ecolóxico, laboral… o futuro das nosas vidas e da nosa sociedade. Pero esas decisións acapáranas vostedes, os políticos, que toman os nosos votos cuatrienais como carta branca para faceren despois o que á súa clase político-mediático-empresarial lle convén, non a nós.

Porque se realmente queixesen que decidísemos nós, someterían as súas principais accións de goberno, as leis e decretos, á decisión dos cidadáns. Non fai falta montar o circo dunhas eleccións nin dun referéndum como o que montan agora: a inmensa maioría dos cidadáns temos acceso ou ben a Internet ou ben a un teléfono móvil. Todos temos acceso á TV, onde nos poderían explicar con programas abertos a todas as opcións políticas e sociais, cada cuestión que houber que decidir e as diversas posturas a favor ou en contra. E para os menos prácticos coas tecnoloxías, existen oficinas públicas por todo o país onde poderían acudir a interesarse polas cuestións do noso futuro e poder votar por elas con todas as garantías. E mesmo dispoñemos da TDT ou rede de caixeiros das entidades bancarias que podería ser empregada para iso! A tecnoloxía e a metodoloxía que o posibilitan existen (de feito xa se ben utilizando para auténticas frivolidades), a lei tamén (DNI Electrónico, Lei de Sinatura Dixital, etc.), e entre esta pseudo-democracia na que non se nos consulta nada, e unha democracia totalmente directa existen moitos graos e un camiño que percorrer ao ritmo que for preciso (democracia participativa, órgaos consultivos, Sistema D3, etc.). Só se precisa un pouco de vontade política e moita menos hipocrisía.